Pregón de Angel Mato, quen abriu a terceira edición de ‘Curtis na Lembranza, as Feiras de 1900’:

Bos días Curtis!

É unha tremenda honra para min o poder estar hoxe aquí como pregoeiro desta terceira feira ‘Curtis na Lembranza’, xa consolidada neste rico panorama de festas e parrandas que temos na nosa terra, porque todo sea dito, somos festeiros e nótase!

Primeiro de todo quero agradecer a Asociación de Comerciantes de Curtis por pensar en min para este pregón, pero sobre todo felicitalos polo seu excelente traballo e a súa implicación para facer que esta Feira sexa un ano máis unha realidade. Tamén quero agradecer as anteriores pregoeiras, Dolores e Gelines, por estar hoxe connosco.

E por suposto, non me quero olvidar de agradecervos a todos os que hoxe estades aquí, porque sodes os que realmente lle dades sentido a esta Feira.

Pasei toda a miña infancia e adolescencia en Curtis, aquí tiven a sorte de medrar cunha xeración fantástica en tódolos sentidos. Entres eles, hai xente que marchamos fóra en busca de sorte, e xente que encontrou sorte no pobo e aquí segue, e, entre todos, sobre todo os que quedastes, seguimos a intentar facer de Curtis un pobo máis grande.

Pola miña parte, tiven que marchar hai uns 11 anos de Galicia para darme conta do que aquí temos, da importancia e do fermoso das nosas costumes, da nosa gastronomía, da nosa música, e en xeral, da nosa tradición. Tradición que non é máis que a herdanza dos nosos ancestros, dos nosos avós, desa xente que co suor da súa frente levantou familias e fixo de nós o que hoxe somos.

Se penso en Curtis, a parte de tódalas lembranzas dos 18 anos que aquí vivín, creo que como a todos se me veñen á cabeza dúas cousas: o tren e a feira. O tren por ser o desencadeante do nacemento e crecemento deste pobo, e a Feira por ter sido, e inda seguir sendo, un dos motores económicos. O tren, por desgraza, xa o deixa tantos viaxeiros como antes, pero a Feira segue a ser un referente.

Hoxe temos a sorte de asistir a unha Festa que nos recorda como era a Feira outrora, onde levaremos sorpresas, sobre todo por comprobar que, se ben as cousas cambiaron bastante, a esencia da tradición segue a ser a mesma. Todavía se bailan muñeiras, inda se poden comer queixos da casa e o ferreiro, inda que con soldador, segue traballando o ferro.

E, a verdade, é normal que as tradicións e costumes vaian evolucionando co tempo, despois de todo, o mundo segue a xirar e nós con el. Son diferentes as tradicións de hai 100 anos que as de hai 300, así como en cen anos tamén serán diferentes. É a nosa responsabilidade coñecer a nosa historia, e acollela co orgullo que nos merecemos, despois de todo somos os avós dos que dentro de cen anos nos homenaxearán nunha festa como esta.

Quixera roubar unha verbas de Castelao, reproducidas por unha coñecida cantante galega, nas que isto queda de manifesto. Din así:

«Porque a verdadeira tradición

non emana do pasado,

nin está no presente, 

nin se albisca no porvir,

non é serva do tempo.

A tradición é a alma eterna, 

que vive no instinto popular 

e nas entrañas do chan.

A tradición non é a historia.

A tradición é a eternidade!

E xa terminando con este minutos filosóficos nos que teño a inevitable tentación de caer, quero agradecer novamente a tódalas persoas que traballaron para que un ano máis se repita a Feira da Lembranza, traballo titánico que xa por si só e a mellor homenaxe que se lle poder facer a tódolos nosos ancestros.

Lémbrovos que como outros anos, hai postos tradicionais, espectáculos e parranda durante todo o día. Para os homes, gustaríame facer especial fincapé en que hoxe anda por ahí un capador de Ourense, así que non deixedes que as vosas mulleres ou mozas fagan tratos con el, poderíades saír mal parados…

Así que, xa para finalizar, é versionando aos Herdeiros da Crus: disfrutade, bebede e brincade, non vos pido máis!

Que siga a fesa!

Moitas gracias