Curtis engalánase para recrear as feiras e as tradicións de 1900
Chegamos a IV edición de ‘Curtis na Lembranza, as Feiras de 1900’, que este ano celebraremos o 27 de xullo.
Detrás desta evocación e homenaxe ao mercado que supuxo o nacemento do que hoxe é o núcleo de Curtis e a todos os emprendedores de varias xeracións que o fixeron posible, está o equipo da Asociación de Comerciantes de Curtis e o Concello curtiense.
E, por suposto, todos os curtienses que nestes anos anteriores se envorcaron en axudar para recrear con todo luxo de detalles o Curtis de principios de século pasado. Achegando documentación, elementos de adorno, e moito traballo, e vestíndose para a ocasión para engalanar unha xornada que se caracterizará polo mellor comercio e os produtos da mellor calidade.
Ese día atoparedes na Avenida Principal de Curtis e os seus arredores postos de alimentación e artesanía, xogos populares, pasarúas, talleres de distintos oficios, obradoiros de queixo, de papas de millo e cachelos, música, baile e exposicións de vehículos e carrilanas de época.
Tamén se poderá probar a gastronomía de 1900 e coñecer algunha das tradicións máis arraigadas durante anos, o Paseo das Mozas, que pechará esta xornada de celebración.