Pregón a cargo de José lópez Santamariña, membro da Asociación de Amigos de Curtis:

«Moi bo día.

De entrada varios agradecementos:

Gracias ao Señor Alcalde, pola sua presenza.

Gracias por partida dobre á comisión organizadora deste día tan especial. Por unha parte agradecidos de que pensara en nós, os Amigos de Curtis, para outorgarnos a honra de oficiar de pregoeiros nun día tan sinalado.

Por outra banda, e esto é o realmente importante, o agradecemento ao traballo, esforzo e responsabilidade desta comisión, que fixo posible que disfrutemos dunha gran xornada  no día de hoxe. Pido para eles un merecido aplauso.

Dámoslle a benvida a veciños e forasteiros. Dicímoslles a todos eles  que Curtis, situado estratéxicamente como centro dun circulo máxico que pasa por Santiago, Coruña e Lugo, hoxe convírtese ademáis nun pobo universal, un mundo ilimitado no espacio e no tempo.

Imos todos a vivir esta feira de Curtis.  Iso levarános a percorrer os camiños de tempos pasados e volver ser nenos, e volver chorar, e volver rir. Estar hoxe en Curtis é, en definitiva, volver vivir.

Atopámonos eiquí, neste nobre e fermoso edificio, para subliñar un día  no que todos tentamos lembrar  e reproducir un anaquiño da nosa historia: nada máis e nada menos que revivir aquelas feiras que ao longo de gran parte do século XX foron o elemento nuclear ao redor do que se desenvolvia a vida neste pobo.

Se queremos facer unha  análise polo miúdo do que foi e o qué representou esta feira, podemos considerala como un ser vivo, cunha fase inicial de nacemento e un crecemento posterior.

Así, sentando esta premisa, resulta lóxico preguntarmos: Como e por que naceu a feira de Curtis? A resposta a esta pregunta trasládanos moitos anos atrás. Tratarei de facer un breve resumo.

Comezarei por indicar o que se pode considerar o epicentro a partir do cal nace Curtis. O punto do noso big-bang. Este situarase entre o barrio de Bodeus e as estribacións do monte da Pena Cuca,  xusto onde se foi construir a estación do tren. Porque o ferrocarril seria o desencadeante, o elemento decisivo no desenvolvemento da nosa vila e o xerador das súas feiras. Mais  fagamos un pouco de historia.

No ano 1875 comeza a circular o tren entre A Coruña e Lugo. Foi no ano 1883 cando se inaugura a liña que chegaba ata Madrid. A estación de Curtis pasa a ser un punto relevante nese trazado.

Na viaxe inaugural contouse coa presenza do Rei Afonso XII e a súa dona María Cristina de Habsburgo. Sábese que o tren se detivo ao chegar a Curtis. Parece ser que, por protocolo, as autoridades da Coruña acompañaban aos monarcas ata esta estación. As crónicas fálannos da presenza dun  gaiteiro que interpretou unha alborada e unha muiñeira, celebrando e homenaxeando a presenza dos monarcas.

Dinnos tamén que os reis baixaron saudar e felicitar ao gaiteiro e  ás autoridades alí presentes. Os escritos non din nada máis, pero o sentido común lévanos a introducir algo de fantasía nesta historia. Parece natural supoñer que alí na estación a comitiva tomaría contacto coa xente que con natural curiosidade acudía a estas celebracións. Por certo, entre aquelas persoas seguro que estarían o tío Benito do Santo e a súa dona,  a tía Anxela, e refírome a eles porque é de xustiza recordar que foron os que máis adiante doarían os terreos para edificar escolas, igrexa e casa rectoral.

Que aconteceu entón alí no andén? Non hai noticia disto, pero, aínda así, non é dificil supoñer que aquela xente agasallara  aos reis cuns bos queixos e, engadiremos tamén, uns pucheiros de mel. Se iso fose así, ninguén pode negalo, e tendo en conta a bondade dos produtos ofrecidos, asáltanos a dúbida de cal sería o derradeiro destino dos mesmos.  Levaría a raíña María Cristina o mel para a corte austríaca de onde ela procedía? Esta cuestión deixámoslla aos historiadores para que sexa investigada. Pero non é unha cuestión menor. Estaríamos a falar da conexión de Curtis co imperio Austro-húngaro.

A aparición do ferrocarril foi, sen ningún xénero de dúbidas, a causa do nacemento dun novo núcleo urbano cun crecemento moi rápido. Diante do prometedor futuro da localidade, chegan xentes de diversos puntos de Galicia, mesmo de León, das comarcas do Bierzo e da Maragatería, para establecerse e fundar casas de comidas, negocios de ferraxería, tendas de tecidos, etc.

Ademáis, instáurase un servizo diario de ida e volta de transporte de viaxeiros a Santiago de Compostela, efectuado por unha liña de dilixencias tiradas por cabalos. Moitos dos pasaxeiros eran estudantes procedentes de Lugo. A medida que  vai avanzando o século XX, as dilixencias iríanse sustituíndo paulatinamente polo automóbil.

Moitos de nós aínda lembramos os Automóviles santiagueses de la Renfe, popularmente chamados «O santiagués». Por certo, tamen tiñamos bautizados os trens: viaxábamos á Coruña pola mañá cedo no Express  e voltábamos no Shangai ás doce da noite. Collíamos o Jaimito ó mediodía e víñamos pola tarde no Corto.

A chegada do tren propiciou que se deran as condicións axeitadas para o nacemento da feira. Efectivamente, foi este progreso do que estamos falar o que deu pe á creación dunha feira pública, que hoxe estamos a rememorar. Segundo reza o documento aprobado pola corporación con data de abril do 1894: «Se crea una feria que se celebrará el dia 23 de cada mes , comenzando el de junio próximo (1894)». Transcurridos catorce anos, a partires de xaneiro de 1908,  empezouse a celebrar tamén unha feira o día 9 de cada mes.

Como xa é de dominio público, a carballeira era o verdadeiro núcleo da feira, dende alí estendíase a todo Curtis, contribuíndo a enriquecer as relacións sociais entre xentes moi diversas. Pois en distintos medios de locomoción a xente chegaba de toda Galicia e doutros puntos de España.

Voume atrever a dicir que quizais  había xente do resto de Europa, ou de California, de Alaska e de Conetticut. Pero disto non temos probas, aínda.  Curtis era universal!

Dende o punto de vista dos nenos, eu poido aportar a miña experiencia persoal. Os días de feira tiñan a particularidade de que non había escola, pois moitos dos rapaces tiñan que axudar nos diferentes negocios dos seus pais. Os demáis dispoñíamos dun día libre e percorríamos a feira na súa totalidade, vendo e aprendendo naquel universo que nos rodeaba, oíndo tratar en pesetas e máis en reás, e gozando dunha liberdade total, mesmo sen un patacón no peto. Os máis afortunados, que tiñan algunha liquidez, compraban contos e chocolatinas na da Señora Rosa, ou xogaban ao futbolín na Palma.

Lembro que todo os anos había que mercar na feira uns zocos e algunhas pezas de tea para que o xastre nos fixera uns pantalóns.  Non teño noticia de que se falara de marcas nin nada polo estilo.

O  paseo que hoxe todos estamos a dar ao longo do pobo, ven a ser unha representación do que naqueles anos facía unha multitude moi variopinta, unha vez chegadas as horas da tarde.  Entre eles moitas parellas, que cando podían saían do paseo central para coller outros camiños mais reservados. Camiños que hoxe, en boa lóxica,  poderíamos bautizar como roteiros do amor. É de esperar que algunha vez se publique unha guía dos mesmos. Nesta guía sería de interés incluir as dúas salas de baile como complemento daqueles paseos .

Aínda que sabemos que non hai recordo que o tempo non borre, temos a obriga moral de non deixar que esmorezan todas as lembranzas daqueles tempos, porque a nosa feira, que hoxe tentamos reproducir, non é unha feira máis. Esta feira lévanos a recordar un xeito de vida xa pasado: sentir como era a nosa vida e notar como deixou de ser. 

Son recordos que xa formarán felizmente parte importante da nosa memoria porque, a fin de contas, como dixo alguén, os recordos son o único paraíso do que non podemos ser expulsados.

Aproveitade o día de hoxe para participar en todo aquelo que esta feira nos ofrece. Sentide a experiencia de ver como era un pasado non moi lonxano. Por esa razón,  eu tamén recomendaría unha visita  á exposición de fotografías que reflicten a vida de Curtis nos anos cincuenta. Proceden dos arquivos do ilustre fotógrafo Alberto Martí Villar de Francos, arquivos que, tras arduas e costosas negociacións, foron adquiridos por Amigos de Curtis. As referidas fotos foron feitas o día 27 de Agosto do ano 1957. 

Así mesmo, aproveitade esta xornada para entrar de cheo na diversión. Comede e bebede con sabiduría. Tratade con cariño aos vosos invitados e convertide Curtis no paraíso da concordia. Esquecede as cousas cativas e quedádevos coa grandiosidade dunha data e dunhas lembranzas que pervivirán por moitos anos na memoria de todos.

En fin, tede en conta que houbo un tempo en que, sen sabelo, eramos razoablemente felices. E cando ollando a vella carballeira, testemuña de moitos dos nosos xogos e aventuras, a nostalxia invada o noso pensamento, lembrade que alí  tamén aprendimos a vivir.

E como dín os versos de Rosalía:

Baixo a prácida sombra dos castaños/ do noso bon pais / Baixo aquela frondosa carballeir / que fan doce o vivir» .